Compostela cultura

Estás en: Concellaría de Cultura > Novas > Preséntase...

Preséntase 'Composjazz', o mellor do jazz no Auditorio

Patricia Maceira, Néstor Rego e Pablo Rodríguez Patricia Maceira, Néstor Rego e Pablo Rodríguez

(08/03/2007) Esta fin de semana, o grupo Ficções abre un ciclo que reúne o mellor jazz galego e estranxeiro no Auditorio ao longo de catro meses: seis actuacións das que poderemos gozar grazas a este programa organizado pola Concellaría e Caixa Galicia. Para presentar o ciclo estiveron no Concello Patricia Maceira, da Fundación Caixa Galicia, o director xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

Como indicou Néstor Rego, o Festijazz era xa un dos eventos emblemáticos para as persoas amantes deste estilo musical na cidade, malia existiren dificultades "ao concentrárense tantas actuacións en catro días". Este ano decidiuse darlle o formato de ciclo, ao longo de catro meses, aínda que aumentou o número de actuacións de catro a seis. O concelleiro presentou o primeiro dos concertos, dos portugueses Ficções, que será xa este sábado 10. A seguir, o 31 de marzo, gozaremos da actuación de Philip Catherine Trío, e o 15 de abril, a polifacética Martirio, que ten colaborado recentemente con Amancio Prada; a seguir, o 28 de abril, escoitaremos ao Carlos López Quartet, e o 4 de maio, ao Quique Azambuya Trío. Como edstacou o concelleiro, este artista combina a súa faceta de compositor coa de docente e músico da rúa: todas as persoas que camiñan decote polas rúas da zona vella compostelá coñecen ben a Jazzman. Este concerto desenvolverase, ademais, nun novo espazo da cidade, habilitado no Parque de Bonaval, grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Deporte. "Trátase dun novo espazo para a creatividade, a cultura e a contemporraneidade en Compostela". Por último, o 16 de maio, a Ten Jazz Men Big Band clausura o programa.

Pola súa banda, Patricia Maceira subliñou a intensidade da programación cultural na cidade, e tamén a súa diversidade: "é unha proposta para todos os gustos e públicos". Pablo Rodríguez, pola súa parte, explicou os datos técnicos: os concertos serán ás 21:00, e o prezo é de 8 €, co desconto habitual para estudantado e persoas xubiladas, do 50%, agás o concerto da Zona C, que será gratuíto.

Documentos relacionados: Volver ao listado de novas
Enquisa

Cal das propostas do ciclo Teatro e Danza en Xira 2010 che parece máis interesante?