Compostela cultura

Consello de compostela cultura

Un dos compromisos da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais é promover a constitución do Consello de Compostela Cultura, organismo formado por representantes de distintos colectivos sociais, creadores e institucións co fin de asesorar nas necesidades culturais para Compostela.

Pretendemos, ademais, que o Consello de Compostela Cultura naza a resultas dunha dinámica participativa, de diálogo, cooperación e consenso entre tódolos axentes culturais.

Por estes motivo iniciamos un proceso constituínte estruturado en dúas fases (antes da aprobación plenaria e no período de exposición pública) para coñecer as opinións, propostas, alternativas e suxestións que nos formulen os diferentes axentes sociais.

Esta primeira fase transcorreu do 11 ao 22 de marzo e traduciuse na incorporación á proposta de Regulamento de moitas das achegas que recibimos.

A segunda fase principia o 19 de abril coa publicación no BOP do anuncio de aprobación provisional do Regulamento do Consello de Compostela Cultura e a apertura dun prazo de 30 días para formular alegacións e suxestións. As alegacións hanse entregar no Rexistro Xeral do Concello, R/ Presidente Salvador Allende, 4 baixo, de luns a sábados (agás festivos) en horario de 9:00 a 14:00 h.

Paralelamente, até o 23 de maio está aberto o prazo para a formación do censo provisional de electores e elixíbeis para o Consello de Compostela Cultura.

A participación neste proceso vai ser a mellor garantía da confluencia da cidadanía e o concello na definición de estratexias culturais encamiñadas a elaborar e aplicar en Compostela un plano estratéxico da política cultural no ámbito local para o período 2008-2016.

Formación do censo de electores e elixíbeis

A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, co obxecto de facilitar a participación dos axentes culturais no proceso constituínte do Consello de Compostela Cultura, habilitou un espazo neste web para, coa colaboración de todas as asociacións interesadas, formar un censo provisional de entidades electoras e elixíbeis.

A estes efectos procedemos a incluír "de oficio" e no sector que consideramos máis adaptado á súa actividade principal tanto ás entidades culturais xa inscritas no Rexistro Municipal como ás que sobardan o ámbito local, actúan en Compostela e teñen colaborado co Concello.

Estas entidades terán que:
Actualizar os seus datos rexistrais: Efectuarase actualizando os datos no Rexistro Municipal de Entidades.

Validar o sector que se lles atribuíu para ter a condición de elector e elixíbel: De non estar de acordo, achegar por correo electrónico ou Fax as razóns nas que basea esta desconformidade, o sector en que debería estar incluída e os argumentos que xustificarían ese cambio de sector.

Aqueles axentes culturais que por erro, omisión ou recente constitución non figuren nesta primeira relación censual e desexen participar como electores e elixíbeis neste proceso constituínte terán que, ademais de tramitar a súa inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións, dar o seguintes paso:

Cubrir en todos os seus extremos o formulario que aparece no apartado rexistro desta páxina e envialo.

O prazo para a validación de datos e solicitar a inclusión no censo provisional será o comprendido entre o 18 de abril e o 23 de maio de 2008. Rematado este período, procederase á publicación do censo definitivo e a abrir un período de reclamacións de dez días hábiles