Feitoamán 07
Música na Cidade Vella
(07/08/2007) O Festival Feitoamán enche de música os recantos da zona histórica de Compostela. Do 7 ao 26 de agosto, a Asociación Cultural Cidade Vella e a Concellería de Cultura organizan un completo programa formado por todo tipo de tendencias sonoras. Jazz, funky, música brasileira, tradicional galega, rock, tango, cabaret e canción de autor escoitaranse entre as pedras de oito puntos diferentes da cidade.
O festival ábreno o martes 7 o Kin García Trío, cuxo jazz soará ás oito e media na Calexa do Curro da Parra, e a música tradicional de Éche o que hai, á mesma hora na Vía Sacra. O mércores 8 será a quenda de Snatch, que amosará o seu funky na Praza Feixoo ás oito e media, e da Vacila Jazz Band, ás dez e media na Praza de San Paio.
O xoves 9 actuarán Lorenzzio's e o Kin García Trío, e o venres, Lorena Mayol e Fratelli Negroni. O sábado repetirán Snatch e Vacila Jazz Band. O domingo 12, Éche o que hai e unha performance teatral de M. Varela e A. Padilla completan a primeira semana de festival.
Nas seguintes dúas semanas tamén pisarán Compostela Javier Constenla, Coda, Gandanagaia, Sérgio Tannus, Ulo Trío e Diego Massimini, que poñerá con tango o punto final a Feitoamán o domingo ás oito e media, na Praza Feixoo.