Chega o último trimestre da que xa é a cuarta edición do ciclo
Sons da Diversidade, mantendo, como indicou o concelleiro, Néstor Rego, os criterios de interese e calidade para o público, e, sobre todo, de diversidade de "orixes, linguas, propostas e estilos" de todo o mundo, sen esquecermos o noso propio: "na cultura galega atopamos propostas de moitísima calidade". Este ciclo, organizado pola concellaría de Cultura, e co patrocinio, nesta edición, da
Fundación Caixa Galicia, a S.A. Xestión do Plan
Xacobeo, o
Consorcio de Santiago e a
Deputación da Coruña, é unha das citas consolidadas xa no panorama musical da capital galega.
Deste xeito,
Mercedes Peón, "o berro da música galega do século XXI", achegará a súa innovadora visión da música tradicional: "traballa nunha liña de enorme interese, explorando o que poden dar de si os medios e recursos de hoxe na música tradicional, sen prexuízos nin estereotipos". Peón estará tamén presente no Auditorio no marco dos concertos didácticos para escolares para o ano.
Sihá, o novo traballo de Mercedes Peón, saíu ao mercado neste ano 2007. Unha xoia para os nosos ouvidos. Un espectáculo cheo de forza, dinamismo e sentimento. A experiencia de ver e ouvir a Mercedes Peón enriba do escenario convértese nunha festa para os sentidos.
Ademais, o encargado de inaugurar esta recta final de Sons será
Santiago Auserón, xunto coa Original Jazz Orchestra
Taller de Músics. Ademais de recuperar os míticos temas que lle deron fama a Radio Futura e Juan Perro, gozaremos dunha fusión entre o jazz e os ritmos latinos: logo dun primeiro encontro na celebración dos 25 anos do Taller de Músics, para a que Enric Palomar realizou un arranxo de "La negra flor" - un dos temas máis emblemáticos de Radio Futura -, naceu a idea de refacer os grandes temas de Santiago Auserón, da etapa de Radio Futura e da etapa de Juan Perro, coa Original Jazz Orchestra do Taller de Músics.
Para rematar, xa en decembro, a veterana
Jane Birkin, de orixe británica, ofreceranos outra boa mostra da canción francesa contemporánea, no marco da súa xira "Rendez vous". Pechan, xa que logo, de xeito parecido, os dous semestres de Sons do 2007, xa que no anterior puidemos facer unha primeira incursión neste estilo da man de Dominique A. Jane Birkin naceu en Londres, filla da actriz e cantante Judy Campbell. Debutou como actriz aos 17 anos no teatro Haymarket, pero foi nun musical, Passion Flower Hotel, cando comezou como cantante. Despois dunha primeira experiencia cinematográfica na película
The Knack, de Richard Lester, foi contratada por Antonioni para protagonizar
Blow Up, film que logo conseguiu a Palma de Ouro no Festival Internacional de Cine de Cannes.
O director xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez, indicou ademais que se manterán os prezos das entradas a 15 €, cun desconto do 50% para estudantado e persoas xubiladas. Os puntos de venda son tamén os de sempre: no Auditorio, a véspera (12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00) e media hora antes do concerto, ou a través de Caixa Galicia (sexa chamando ao teléfono 902 43 44 43, ou por medio da web). Uns prezos asequíbeis que, como indicou o concelleiro, non teñen o obxectivo de cubrir os custos de produción, senón de facer de Sons un programa realmente accesíbel.