Compostela cultura

Estás en: Destaques > Música > Un trobador contemporáneo en Sons
Santiago Auserón

ESTE SÁBADO 20 DE OUTUBRO

Un trobador contemporáneo en Sons

(19/10/2007) Santiago Auserón e a Original Jazz Orchestra do Taller de Músics ofrecen o primeiro dos tres concertos que pecharán esta cuarta edición de Sons da Diversidade, no Auditorio. Na plena madurez artística deste cantautor eno 25 aniversario da OJO, esta proposta mestura inspiración, talento e experiencia nun novo proxecto musical.

Este trobador eléctrico contemporáneo, cunha esencia fortemente literaria nas súas cancións, chega a Compostela moi ben acompañado: logo dun primeiro encontro na celebración dos 25 anos do Taller de Músics, para a que Enric Palomar realizou un arranxo de "La negra flor" - un dos temas máis emblemáticos de Radio Futura -, naceu a idea de refacer os grandes temas de Santiago Auserón, da etapa de Radio Futura e da etapa de Juan Perro, coa Original Jazz Orchestra do Taller de Músics.

A orquestra está composta por vinte e dous músicos, dirixida para a ocasión polo propio Enric Palomar, e é responsábel agora de catorce brillantes e suxestivos arranxos.

Santiago Auserón intérnase con decisión na aventura de redefinir a súa prestixiosa traxectoria como escritor de cancións, coa axuda dunha banda de músicos mozos que interpretan con alento e inspiración un repertorio do que se senten especialmente cómplices e baixo a dirección dun mestre experto e refinado, que abriu oco na súa dedicación sinfónica e operística para facer constar o seu afecto pola música popular dos nosos días. Todos eles gozan do risco creativo que supón o proxecto e saben como facer participar ao público do mesmo pracer.

O Taller de Músics nunca interrompeu, ao longo da súa existencia, a tradición de manter en activo unha big band, pasando por diferentes etapas e directores. Varios son os discos que o demostran e recordan, como o que recolle á dirección de Zé Eduardo, con Tete Montoliú ao piano.

Na actualidade a Original Jazz Orquestra Taller de Músics está dirixida por Vicens Martín, profesor do Taller de Músics dende 1990, que ten unha traxectoria de seis anos á fronte da dirección das dúas big bands de Taller de Músics e participou en seminarios e master-class con prestixiosos músicos como Chick Corea, Pat Metheny ou Bebo Valdés, entre outros.

Con todos eles poderemos lembrar cancións xa míticas como "La negra flor", "Veneno en la piel", "El tonto Simón" ou "Semilla negra".

Máis destaques de música
SONS:
Data e hora: 20 de outubro, ás 21:00
Lugar: Auditorio de Galicia, Avenida do Burgo das Nacións, s/n. 15705, Santiago de Compostela. Teléfono: 981 574 152 / 981 552 290
Prezo: 15 €, cun desconto do 50% para titulares do carné xove ou de estudante e persoas xubiladas

Venda de entradas:
  • No Auditorio de Galicia, a véspera (12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00) e media hora antes do concerto. O día do espectáculo a posto de venda pecha ás 21:00. Os teléfonos son 981 571 026 e 981 573 979
  • Caixa Galicia (teléfono 902 43 44 43, ou a través da web)

Organiza: Concello de Santiago. Concellaría de Cultura.
Patrocinan: Fundación Caixa Galicia, Consorcio, Deputación daCoruña, Xacobeo.
Colabora: Litonor

Máis información na microweb de Sons da Diversidade.