Compostela cultura

Estás en: Destaques > Música > As bandas populares enchen de...
Certame de Bandas

As bandas populares enchen de música o Auditorio

(21/11/2007) Un total de 17 agrupacións de toda Galiza competirán de venres a domingo no I Certame de Galego de Bandas de Música Populares, que servirá como punto de encontro para a posta en valor da música que aínda se está interpretar todos os recunchos do noso país. O concurso divídese en catro seccións, nas que se repartirán entre os días 23, 24 e 25 de novembro.

Primeira edición deste certame do que se prevé unha longa traxectoria. Apoiado pola Consellería de Cultura e pola Federación Galega de Bandas, esta iniciativa nace coa intención de converterse no símbolo de proxección e consolidación destas agrupacións.

O certame servirá como punto de encontro para a posta en valor da música que se interpreta no país e que conta xa con apoio institucional para a galeguización do seu repertorio e a recuperación de composicións antigas de autores galegos. Deste xeito, estase xa a pensar no creación para o vindeiro ano do I Certame de Composición para música de banda con temática galega.

Neste primeiro certame serán 17 as bandas que participen, entre as que se atopan as de Vilalba, Padrón, Ortigueira, Rianxo, Cambre, Chantada, Teo, Rubios, Barbadás, Valga, Ribadumia, Xinzo, Salcedo, Meaño, Barro, Vincios e Merza.

Tres días de música
O primeiro día do certame, o venres a partir das 20:00 horas, dará comezo a competición da sección terceira na que participarán a Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, a Banda Municipal de Rosalía de Castro de Padrón, a Banda de Música de Ortigueira, a Escola de Música e Banda Sementeira de Cambre e a Banda de Música de Chantada. Todas elas interpretarán unha obra libre e unha obrigada que corresponderá á Rapsodia Galega (2º movemento) de Xoán Montes Capón.

Ao día seguinte, a partir das 18:00 horas actuarán no marco da sección segunda a Banda de Musica Cultural de Teo, a Banda de Música Popular de Rubios, a Banda de Música do Concello de Barbadás, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Ademais da obra libre que terán que interpretar a elixida como composición obrigada será ‘A Creación’ de Ángel A. Montes Abalde.

A última xornada, que terá lugar o domingo a partir das 16:00 horas, acollerá na sección primeira á Banda de Música de Salcedo, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Xuvenil de Barro, a Asociación-Agrupación Musical de Vincios, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Todas interpretarán a obra ‘Rapsodia Arousá’ de Eligio Vila. E na sección especial actuará a Banda Artística de Merza coa composición ‘Hipófisis’ de J. Javier Ces Calvo.

Máis destaques de música