Compostela cultura

Estás en: Destaques > Plástica > "Entre a razón e a...
Nuria Ruibal

NOVA EXPOSICIÓN

"Entre a razón e a pel", de Nuria Ruibal, na Zona "C"

(16/06/2010) O xoves 17 de xuño, ás 20.00 h, inaugurouse na Zona "C" a exposición "Entre a razón e a pel", de Nuria Ruibal. A mostra é froito do Convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela para o fomento de intervención de creadores na zona "C" en colaboración co curso de posgrao Master en Arte Museoloxía e crítica contemporáneas.

Un detalle da exposición

Un detalle da exposición

A comisaria Ana Amado e a artista Nuria Ruibal, alumnas do master, presentaron o proxecto titulado Entre a razón e a pel.

Entre a razón e a pel, unha instalación efémera, de estrutura delicada e sutil, é unha metáfora inmediata no dobre sentido de translación ou transporte, e de remisión a outra realidade: a construción existencial do ser humano no seu modo de estar no mundo, de se coñecer e se expresar a si mesmo, así como de estabelecer relacións comunicativas cos outros.

A artista Nuria Ruibal plantéxanos nesta instalación, concibida especificamente para a sala da Zona C, un interesante percorrido no que nos fala da vulnerabilidade do ser humano no seu eu máis íntimo e das barreiras das que este dispón para defenderse, relacionarse co mundo exterior, e a temida e á vez desexada mirada do outro. No rostro encontramos o lugar onde a vulnerabilidade se manifesta máis intensamente. A nosa pel convértese no papel onde se debuxan e escriben eses relatos incompletos. A artista transmite esta fraxilidade conformando un delicado paisaxe de alfinetes, elemento punzante e ferinte, sobre os que debuxa a paisaxe do seu propio rostro.

A exposición permanecerá aberta ata o 12 de setembro de 2010 e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20.00 h.

A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, núm. 1.

Máis destaques de plásticas
Nuria Ruibal
(Oviedo, 1983)
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde realizou posteriormente o Doutoramento Modos de coñecemento na práctica artística contemporánea. En 2009 realiza o Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do cal, e xunto á súa comisaria Ana Amado, participa e gaña o concurso para a intervención de creadores e novos comisarios da Zona C, co proxecto Entre a razón e a pel.

Participou en varias exposicións colectivas internacionais, como Oito_Artistas.gal, itinerante por España e Portugal; Ideas e propostas para a arte en España, en ARCO 08, ou en VI Edición de Poesía Experimental da Deputación de Badaxoz. Tamén participou en varias exposicións colectivas nacionais, como Proximidades na Galería Sabor a Menta (Santiago de Compostela); Creatividade Colectiva ou Diferenza ao Cubo, na Galería Espazo Líquido (Xixón); VI Premio Auditorio de Galicia, no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela); Sen Rancor, Galería Metro (Vigo) ou Novos Valores 08 da Deputación de Pontevedra. Dentro das súas exposicións individuais cabe destacar Estados de Ánimo, exposición itinerante, dentro do programa Culturaquí 08, que se puido ver primeiro na Sala Borrón de Oviedo e posteriormente na Casa Municipal de Cultura de Avilés; Alborotos Anímicos, na Casa da Mocidade de Posada de Llanera e Doce Submisión, proxecto polo que se lle concedeu unha Bolsa AlNorte para a súa realización no Museo Barjola de Xixón.
Axenda
Horario:

17 de xuño de 2010 - 12 de setembro de 2010

Lugar:

Zona C
San Domingos de Bonaval, s/n, Compostela